entrevista - o carballiño

Marnotes: "Non temos capacidade empresarial para o agro"

Argimiro Marnotes Rodríguez.
photo_camera Argimiro Marnotes Rodríguez.

Argimiro Marnotes Rodríguez recibiu nesta semana unha homenaxe do Concello do Carballiño  en recoñecemento pola súa contribución á difusión e consolidación da Festa do Pulpo cando foi alcalde deste municipio entre os anos 1977 e 1991

Contento coa homenaxe?

Contentísimo, non o esperaba e estou moi agradecido.

Como chegou a ser alcade do Carballiño?

Fun alcalde entre 1977 e 1991, pero xa empecei de concelleiro en 1971 e despois tamén seguín ata 1999. A primeira vez que me presentei aínda non había democracia pero si unha especie de eleccións nas que competín con Adolfo Otero, e daquela eran os compromisarios elexidos pola patronal e os obreiros os que te nombraban, e elexironme a min por amplia maioría.

O alcalde era Javier Perea e no 77 presentábase para ser senador, e daquela non podía ser alcalde ao mesmo tempo, neso estábamos máis avanzados que agora, incluso a oposición formaba parte da comisión de goberno, era máis democrática. O día que me fixeron alcalde eu non estaba, e cando cheguei á casa entereime que me elexiran. Foi toda unha sorpresa porque nin xiquera era tenente alcalde. Daquela o primeiro tenente alcalde era Ignacio Fontaiñas.

Cal é o proxecto que recorda con máis safisfacción?

Dúas cousas: a traída de auga e as normas subsidiarias. Ninguén se atrevera a abordar o plan urbanístico e había que poñer freno a tanta altura, así que se aprobaron as normas subsidiarias no 78, e de aí tamén naceu o polígono industrial, que foi o primeiro municipal.

Tamén atravesaría por momentos difíciles, non é así?

O problema máis difícil de resolver foi o da auga porque o suministro non era suficiente e os cortes eran continuos. As mulleres mobilizáronse e encerráranse no salón de actos, e eu sumeime a elas porque quería que a Xunta e o Goberno do Estado supesen o problema que tíñamos. A xente do Carballiño incluso protestaba porque tamén recibían a auga os pobos da contorna, pese a carencia, e  eu decíalles que tiñan o mesmo dereito. Quería provocar a necesidade para chamar a atención das administracións. Foi unha loita moi grande. 

Por que lle gustaría que o recordasen?

O máis importante é ser dialogante e aberto con toda a xente, que me consideren unha persoa honrada. O meu apelido é coñecido e teño que dicir que ningún fillo nin neto se encontrou a ninguén que lle falara mal por ese motivo.

Os políticos de agora, téñeno máis fácil?

Si, porque hai moitos máis recursos. Eu nunca tiven su soldo como alcalde. Estou xubilado e recibo a pensión como autónomo da miña pequena empresa. Nunca tiven soldo, só nos últimos anos dispoñía de 60.000 pesetas en concepto de dietas.

Se fose agora alcalde, que lle gustaría cambiar?

Hai unha obra de infraestruturas pendiente, que é a circunvalación do Carballiño. Está sinalada nas normas subsidiarias e no posterior Plan Xeral de Ordenación Municipal. Empezaría na avenida do Balneario ata a do Parque e iría polo antigo matadoiro pola parte baixa de Señorín ata a carretera de Ourense.

Algunha vez pensou que a Festa do Pulpo chegara a ser tan coñecida?

Cando era alcalde, o público que había é o que hai hoxe, e ían máis pulpeiras ao Parque, porque concentramos alí a festa. Estaba prohibido cocer no pobo, salvo a dúas pulpeiras, o resto, máis de 40, estaban no Parque. Eu tamén seguiría coa dedicatoria a outros países porque é a maneira de que sexa máis internacional. Viñan embaxadores e outros políticos, e había videos da festa por todos os sitios. Tamén volvería a convocar o premio periodístico, unha inicitiva que lle daba moita difusión.

Como ve a provincia?

Non temos capacidade empresarial para desenvolver o agro pese a que hai axudas para facelo. Na miña parroquia, Santa Uxía de Lobás, temos feita a concentración e está sen explotar, aínda que tivemos varias oportunidades, como a plantación de olivos, promovida por Aceites Abril e tamén para a cría de bois para carne. É algo que me preocupa, volve da emigración xente de mediana idade e aferranse á terra, nin ceden nin venden. Os nosos maiores eran moito máis emprendedores. Eu estou dacordo en ceder as terras para que se traballen. Un potencial que temos importante é o termalismo, e a Deputación estalle dando un bo impulso, organizando estancias nos balnearios. Penso que é un potencial importante. 

Un home como vostede que sempre foi moi activo, a que se dedica na actualidade?

Xa non son tan activo, penso que cambiei bastante, fíxenme "pasota". Incluso me acostumbrei á soedade, a encontrarme a gusto na soedade. Polo demais, gústame estar coa familia que é grande. Teño 10 netos e unha bisneta.

Te puede interesar