Maside acollerá a primeira xuntanza de persoas con intolerancia ó gluten

O Concello de Maside colabora coa Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) -persoas con intolerancia ó gluten- na organización da ‘I Xuntanza de Celíacos Ourensanos’, que se celebrará o vindeiro sábado 12 de decembro.
O alcalde de Maside, Celso Fernández, sinala que ‘nós apoiamos a diferenciación e a sustentabilidade do sector hosteleiro a través da calidade dos productos ofertados, pero tamén da accesibilidade dos menús e cartas nos seus bares e restaurantes’.

Así, o departamento municipal de Turismo de Maside ‘fomenta entre os seus empresarios a formación en intolerancias a alimentos, que cada día padecen máis persoas, co fin de gañar en competitividade. Queremos potenciar o cambio, motivando ós nosos hosteleiros nesta temática’, engade o rexedor socialista. O programa do sábado contempla varias actividades pola mañá na paraxe natural de O Puzo do Lago, un xantar no ‘Bar Principal’ de Maside e unha festa de Nadal pola tarde. No menú que se servirá no local de hostelería, ‘intentarase mixturar a comida típica de Maside con productos sen gluten que non oferta ningún restaurante ou bar da comarca, coma é o caso de pasta, croquetas ou empanadas’, adianta Ana Mato, técnica da área municipal de Turismo.

Inscripción

As persoas interesadas en participar na xornada deberán inscribirse antes do 10 de decembro dirixíndose a Gloria Bernárdez, delegada de Acega en Ourense, no teléfono 647.68.11.62, ou directamente nas oficinas do Concello de Maside, tendo en conta que o cupo máximo de prazas é de 40 persoas.


Te puede interesar