TRÁFICO - SANCIÓN

Maside decide sancionar aos transportistas de madeira que causen danos nos camiños

Nos últimos anos, especialmente no 2016 polas condicións climatolóxicas, ata 8 vías e camiños públicos quedaron seriamente danados polos vehículos que retiraron madeira comprada dentro do termo municipal.

O Concello de Maside vén de aprobar unha ordenanza para regular as actividades de transporte e depósito de madeira procedente de cortas e sacas para usos industriais. Esta norma non afecta a aquelas operacións relacionadas co aproveitamento doméstico de leña realizadas por particulares con vehículos agrícolas. Nos últimos anos, especialmente no 2016 polas condicións climatolóxicas, ata 8 vías e camiños públicos quedaron seriamente danados polos vehículos que retiraron madeira comprada dentro do termo municipal. Para garantir a súa restauración, de ser necesario, o Concello, a través desta ordenanza fixa a obrigatoriedade de obter a autorización municipal para transporte e depósito de madeira e obriga a depositar unha fianza para responder do arranxo dos danos que se puideran producir nas vías así como a súa limpeza. Fíxanse dúas contías en función do peso máximo autorizado do vehículo: 1.600 euros se non supera as 16 TM e 3.100 euros se as sobrepasa.

A ordenanza establece tamén as infraccións, que oscilan desde os 300 aos 3.000 euros e a imposibilidade de obter a autorización para as persoas físicas ou xurídicas que, como consecuencia de traballos anteriores, cometesen infracción e teñan danos pendentes de reparar, aquelas que teñan pendente de pagamento alguna sanción ou aquelas que participasen nos traballos. 

Te puede interesar