O museo do río Arenteiro gaña visitantes neste verán

Museo etnográfico do río Arenteiro, no muíño do Anxo.
photo_camera Museo etnográfico do río Arenteiro, no muíño do Anxo.
Un remodelado muíño do Anxo incorpórase ao programa de promoción turística do Carballiño

O Museo Etnográfico do Arenteiro estáse a convertes nun dos grandes reclamos do Carballiño a nivel turístico, rexistrando un repunte no número de visitas, pasando das 1.200 no mes de xuño a case 2.000 ao longo do  mes de xullo. Máis en concreto, a este museo ubicado no antigo muíño do Anxo, ademais dos 225 veciños e veciñas do municipio carballiñés que percorreron as súas instalacións, tamén se rexistraron 245 de toda a provincia; 152 do resto de Galicia; 319 de todo o país e máis dun cento do continente americano, mentres no que respecta aos visitantes europeos, a cifra ascende a 147.

O Museo foi recentemente acondicionado e xa está preparado para cando a subida do leito do río deixe ver un auténtico espectáculo natural co movemento dos muíños, prevéndose entón a chegada de novos turistas e de excursións escolares. O muíño do Anxo tamén loce unha nova imaxe, coa incorporación de figuras dun grupo de animais domésticos, que recrean a cabaña gandeira que posuía o muiñeiro, e que amosan unha estampa insólita do conxunto, que agrada aos numerosos visitantes, en especial aos máis cativos, que se espera se acheguen a este centro cultural ao longo de todo o ano.

O actual responsable do museo, Carlos Montes, comenta que “hai moi boas expectativas de afluencia cara ao futuro, tendo en conta que o museo está integrado nun conxunto máis amplo que engloba o cámping municipal, os restaurantes, a Pena dos Namorados e a piscifactoría, e, sobre todo, o paseo fluvial, que remata precisamente aquí”.

O museo do Arenteiro ofrece visitas guiadas, de media hora de duración, de 11,00 a 14.00 horas pola mañá, e de 19.00 a 22.00 horas pola tarde, que se dividen en seis etapas diferenciadas. Na primeira, os participantes na visita coñecen o interior da vivenda do muiñeiro, os obxectos alí gardados e a documentación relativa á época na que estaba o muíño activo. A continuación, poden entrar nas cortes dos animais e os aperos correspondentes, para pasar logo a ter unha visión panorámica das canles de captación da auga do río e o sistema de esclusas.

Os visitantes teñen acceso despois aos dous muíños existentes no complexo que estaban en funcionamento, o grande de tres moas e o pequeno de dúas. Alí están as gráficas dos antigos sistemas de medicións dos volumes e superficies, dos diferentes elementos de enxeñería hidráulica e da moenda, e un resumo do estado e número de muiños na cunca fluvial,  e finalmente, o guía explícalles os aspectos xeográficos e paisaxísticos do Arenteiro.

Te puede interesar