Unha actividade que busca xerar e fortalecer dinámicas creativas de interacción encol da arte, ofrecendo outro punto de vista á hora de estudar a figura da escritora
O alumnado de quinto e sexto curso de Primaria do colexio público Calvo Sotelo do Carballiño participou este xoves nunha actividade lúdica educativa co gallo da conmemoración o próximo domingo 24 de febreiro do Día de Rosalía.
Esta actividade foi promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Carballiño, e realizárona monitoras da compañía de eventos culturais e educativos Xandobela.
Coa denominación de Rosalia na voz da xente, consistiu nunha proposta lúdica interactiva na procura de achegar dunha maneira participativa a obra e figura de Rosalía de Castro
A través dunha posta en formato de xincana, as educadoras propuxeron aos nenos participantes unha serie de retos que tiveron que superar de maneira rotatoria e cooperativa ao mesmo tempo. Deste xeito tamén se perseguiu xerar e fortalecer dinámicas creativas de interacción encol da arte, facendo fincapé na dimensión literaria e ofrecer outro punto de vista á hora de estudar a figura de Rosalía de Castro.