carballiño

Os nenos e maiores do Lago contan cun parque de recreo en Maside

parque de lago
photo_camera Algúns dos xogos do novo parque do Lago.

A área de lecer complétase con dous módulos biosaudables de ximnasia de mantemento

O Concello de Maside puxo en marcha un proxecto que consiste en dotar ás parroquias do municipio de parques interxeracionais, nos que maiores e nenos compartan espazos de ocio ao mesmo tempo que poidan realizar exercicio físico.

O proxecto, que se irá executando paulatinamente, comezou na contorna do Lago. Alí, habilitouse un deses espazos "para uso e disfrute dos máis novos, aínda que tamén conta con elementos para os que non o son tanto", segundo matiza o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias.

A nova área de lecer dispón de tres aparellos para os cativos: tobogán, bambán e balancín. A estes engádenselle dous módulos biosaudables de ximnasia de mantemento dos que poden disfrutar os maiores "mentres están atentos ós xogos dos pequenos", matiza o rexidor municipal. 

No Lago hai na actualidade un censo de 12 rapaces, polo que as autoridades locais consideran que necesitan un lugar de recreo que non tiñan. Ademais, as instalacións ubícanse nunha zona de paso, ideal para que as poida disfrutar máis poboación que a do propio lugar.

A área complétase cun banco e dúas papeleiras, toda ela delimitada cun peche perimetral de madeira tratada, e con céspede para lograr a harmonía idónea co entorno.

"Este parque de recreo executouse exclusivamente co esforzo e con medios propios do Concello de Maside, tanto de materiais e equipamentos como de persoal", segundo puntualiza o alcalde, José Manuel Iglesias.

Te puede interesar