ENTREVISTA

Quico Valeiras: "Non creo na existencia das musas, escribir é un proceso bastante físico"

fsf
photo_camera Quico Valeiras, coñecido como Caneta de Poeta.

Quico Valeiras está a punto de sacar da imprenta o seu primeiro poemario

Quico Valeiras, ou tamén coñecido como Caneta de Poeta, é un artista carballiñés autodidacta. A punto de sacar da imprenta o seu primeiro poemario, xa traballa nos versos que poden darlle o seu segundo libro. Fala sobre a súa obra, dos seus trucos fronte o papel e da situación dos poetas galegos na actualidade. 

Como foi crear esa primeira obra?

Tiña xa rematados unha serie de poemas dende facía un tempo. De feito, algún deles ten cinco ou seis anos. O poemario conta unha historia lineal de amor e vivencias da miña vida. Necesitaba saír xa porque non podía gardar iso no caixón  por moito máis. A idea que sempre tiven en mente foi facelo a través de crowdfunding, economía colaborativa, porque paréceme algo fermoso levar a cabo unha campaña na que estás en contacto ca xente que te apoia.

Cando descubriu a súa paixón por esta arte?

Ahí enfróntanse dúas cousas. Por un lado, está a época dende que son consciente que escribo e, por outro, téñome atopado cadernos onde xa me encamiñaba a isto. Creo que cando empecei en serio foi no instituto, sobre segundo da ESO, con cartas entre amigos, moi influenciado pola música antes que pola lectura. Na universidade xa tomei a decisión de querer meterme nisto como unha necesidade do día a día. 

Cre que se pode vivir só da poesía?

Esa é unha pregunta complexa. Depende ó que aspires, eu non teño esa idea porque económicamente non é moi viable. Hai xente que entra en editoriais potentes con boa publicidade... Cando escribes nunha lingua minoritaria como é o galego custa máis.

A poesía en galego ten o recoñecemento que se merece?

A nivel institucional non hai unha axuda real e promoción do que se está facendo. Hoxe en día en Galicia estamos vivindo unha época douradísima. Hai moita xente nova escribindo, sobre todo de 1980 para adiante, temas cunha sensibilidade distinta. Eu empatizo moito co traballo das mulleres. 

En que se inspira para escribir?

Son unha persoa que non ten método. Non podo entender iso de dicir "hoxe póñome a escribir" e que che saia. Escribo por arroutadas, é un proceso bastante físico. Non creo na existencia das musas, o corpo métete nun proceso creativo extraño no que escapas un pouco da realidade.O momento de escribir é un pouco de encerro que logo compartes.

Que proxectos de futuro se plantexa?

Acabo de presentar "O tempo da cereixa", unha serie de poemas que contan unha historia da infancia. Estou nun momento no que me sumerxo no pasado e trato de aprender de todo o vivido, porque a memoria é coma un músculo. Gustaríame sacalo nun formato plaquette. Pero iso é algo moi futuro porque o primeiro libro aínda está por saír e levounos máis dun ano sacalo adiante. Seguramente non volva repetir o crowdfunding, porque aínda que é bonito é un proceso que acaba abrumando.

Te puede interesar