Novas dotacións para o camping, que abre o luns

Un dos bungalós construidos no camping do Carballiño. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Un programa de mellora das dotacións do camping municipal do Carballiño permitirá a súa apertura definitiva o vindeiro luns, coa inauguración dos bungalós castrexos á beira do río Arenteiro. O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, indicou que, 'nestes últimos días, procedemos á colocación de paneis solares, un pequeno parque infantil de xogos, unha zona para cociñar ó aire libre e antenas para a recepción das canles televisivas'.
Ademais, o Concello carballiñés adxudicará proximamente a execución das obras contempladas no Plan E para a reposición de palla nos tellados das citadas vivendas e das sinais informativas para os turistas, cun investimento de 43.000 euros. O edil socialista lembra que 'os visitantes dispoñen de 32 parcelas para acampada de tendas e autocaravanas, e de seis bungalós cunha capacidade para 20 persoas, un edificio de aseos e dúas cafeterías con restaurante no seu contorno'.

A plantilla de traballadores que estará adicada á xestión, mantemento das instalacións e atención ós clientes 'está composta por un xerente, un conserxe, un vixiante e dúas guías que tamén se encargarán do museo etnográfico', comenta Manuel Dacal. O concelleiro de Turismo anunciou onte que 20 rapaces do clube Carballiño Fútbol Sala serán os primeiros ocupantes dos bungalós, dentro dun campus deportivo organizado pola entidade e que se prolongará ata o venres 2 de abril. O programa desta actividade inclúe rutas de sendeirismo pola comarca, adestramentos no pavillón Paco Chao, xogos de orientación e de mesa, cine e un espectáculo teatral.

Te puede interesar