TRÁFICO

A ITV carballiñesa avaliará máis de 12.000 vehículos ó ano

O alcalde, Francisco Fumega, espera que a instalación reforce o potencial do parque empresarial

A nova estación fixa de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) do Carballiño entrou en funcionamento durante o día de onte e estará operativa de luns a venres en horario de 09,00 horas a 13,30 horas, e de 15,15 horas a 18,00 horas. Non prestará servizo, pola contra, os sábados e os domingos e, na súa páxina web, xa se poden tramitar as citas previas, sendo posible facelo tamén chamando ao teléfono 902.30.90.00. Cun investimento cercano ó millón de euros, esta ITV de Carballiño poderá inspeccionar todo tipo de vehículos, incluidos autobuses, tractores e camións. O obxectivo é acadar a revisión duns 12.000 vehículos anuais. 

A inauguración deste novo recinto tivo lugar este luns e contou coa presenza, entre outros, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director de Supervisión e Control, Juan Diego Rodríguez; o vicepresidente de Applus, José Delfín Pérez, e o alcalde de Carballiño, Francisco Fumega, ademais de concelleiras e concelleiros e representantes dos empresarios do Polígono Industrial. 

Fumega agradeceu ás empresas Supervisión y Control (SyC) e a consultora Applus, e á Xunta de Galicia a colaboración para traer a Carballiño esta ITV, da que dixo, "era unha vella demanda da vila, do municipio e da comarca" que "reforzará o potencial do parque empresarial, creando postos de traballo e xerando un gran movemento de vehículos e persoas, ademais de dinamizar o sector da automoción". Tamén destacou que a de Carballiño, "é a segunda estación que conta cun novo modelo constructivo e de funcionamento, incorporando novos modelos de construcción modular e innovación tecnolóxica". 

A esta mesma cuestión referíronse o director de SyC, Juan Diego, e o vicepresidente de Applus, José Delfín, asegurando que este novo modelo exportarase a outros países onde estas empresas desenvolven a súa actividade. 

Pola súa banda, Francisco Condestacou que este novo modelo de ITV, "pioneiro en España", mellora en eficiencia, competitividades e respecto medioambiental ós anteriores, e ensalzou a boa colaboración empresarial e institucional para levalo a cabo. 

Ao remate das intervencións, procedeuse a realizar unha explicación técnica do funcionamento innovador e altamente tecnolóxico desta ITV, que xa non emprega ordenadores para efectuar as medicións, senón que éstas se fan por conexións inalámbricas.

Te puede interesar