carballiño

A oitava edición do concurso fotográfico pola igualdade está dedicado aos menores

Os interesados poden entregar as fotos no Cim ou remitilas por correo electrónico para incentivar a participación

O 8º Concurso Fotográfico que organiza a área de Igualdade do Concello do Carballiño, en colaboración coa Asociación Fotográfica O Potiños e o Centro Comercial Aberto (CCA), leva nesta edición o lema "Unha mirada de xénero: Menores en igualdade". Terá, como nas edicións anteriores, tres premios para as tres mellores fotografías, de 300, 200 e 100 euros en vales de compra para gastar nos comercios do Carballiño, e o prazo para a presentación dos traballos finalizará o 1 de marzo para a entrega en man no CIM, e o 3 de marzo para quen remita os traballos telemáticamente a través do correo [email protected]

O concurso foi presentado pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Marina Ortega; o presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco, e a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares.

Marina Ortega xustificou a elección do lema desta convocatoria como un xeito de reivindicar o papel das novas xeracións na loita pola igualdade, erradicando os estereotipos masculino-feminino desde a primeira infancia, e tamén pola súa implicación nesta cuestión a raíz da súa participación nos actos do 8 de marzo do pasado ano. Noelia Mares destacou o esforzo que realiza o concello pola igualdade e manifestou o seu agradecemento por contar co CCA nesta iniciativa.

Manuel Blanco considera que o feito de que as fotografías poidan entregarse en man ou enviarse por correo electrónico contribuirá a unha maior participación, e nese sentido espera que compita xente de toda a provincia e tamén de fora de Ourense.

Te puede interesar