POLÍTICA LOCAL

A oposición, en contra de privatizar a estación de O Carballiño

O Carballiño. 31/07/2018. Estación de tren do Carballiño.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Instalacións da estación de ferrocarril do Carballiño (XESÚS FARIÑAS).

O alcalde de Carballiño, Francisco Fumega, anunciou que en próximos días convocará a reunión da "Plataforma pola defensa do transporte público", da que forman parte todos os grupos con representación neste concello, a raíz do rexeitamento por parte da oposición da privatización do servizo de atención ao público que ofrece a estación de ferrocarril.

O BNG e Espazo en Común xa presentaron sendas mocións para que o pleno se posicione en contra desa medida, mentres o PP tamén considera que "non vai a beneficiar ao servizo", segundo sinalou o portavoz, Ricardo Perea. Neste sentido, a concelleira do BNG, Sofía García, afirma que "a privatización da venda de billetes suporá un paso máis na política de recortes e redución de servizos, perdéndose o seu carácter público e sen garantías en canto ao mantemento de postos de traballo e atención de calidade para as persoas usuarias". Por iso, propón instar á Xunta de Galicia a demandar do Goberno central o mantemento do servizo. Espazo Común reclama a convocatoria urxente da Plataforma para "establecer un plan claro e conciso que aborde as distintas necesidades", xa que tamén apunta a un transporte deficitario no rural e da conexión con cidades como Ourense, Santiago, Vigo ou Madrid. Pide que posteriormente se trasladen as conclusións á Xunta e se esixa a Fomento e ADIF paralizar de xeito inmediato o concurso.

Fumega e Perea manifestan que a Xunta cumpriu todas as reclamacións que fixo a Plataforma no anterior mandato, mellorando o transporte no rural e de enlace coas cidades.

Te puede interesar