MÚSICA

O Orfeón estrea o ano na Veracruz e viaxa a Vizcaya e Valladolid

O Orfeón do Carballiño acaba de incorporar catro novos coralistas, sumando un total de 45 compoñentes

O Orfeón do Carballiño remata esta tempada con dous concertos no Asilo e na Veracruz, e coa mirada posta nas próximas viaxes que ten previsto realizar a Valladolid e Vizcaya. Se culminou o ano 2016 compartindo os cantos de Nadal no Belén Vivente que realizan as persoas maiores no Asilo de Ancianos, este venres, 6 de xaneiro, ofrecerá o tradicional concerto de Reis no templo da Veracruz, interpretando unha escolma de panxoliñas. Será durante a celebración da misa, ás 18,00 horas.

É a primeira actuación deste novo ano no que participarán os 45 compoñentes do Orfeón. E, precisamente, neste concerto intervirán catro novos coralistas, como un signo evidente do crecemento que está a ter esta agrupación, dirixida polo carballiñés Christian Casas Hernández.

Este xoven director comezou os seus estudios no Conservatorio do Carballiño con tan só seis anos. No 2012 ingresou no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, especializándose en dirección coral e orquestral. No 2013, con só 19 anos, entrou a formar parte do Orfeón do Carballiño como director.

Nos próximos meses, esta agrupación coralista ofrecerá un concerto na cidade de Valladolid, compartindo escenario cunha das corais máis prestixiosas de Castela-León, como é a Agrupación Coral Ciudad da Valladolid, e posteriormente viaxará a Vizcaya, invitada polo Coro Oihartzuna Muskiz de Vizcaya. 

Te puede interesar