O CARBALLIÑO

Pachi Vázquez presenta "Espazo Común": "O PSOE está alonxando a súa xente"

Numeroso público de Carballiño e da comarca asistiu a presentación do novo partido instrumental

A presentación da nova formación política Espazo Común reuniu a numeroso público procedente de distintos concellos da comarca que abarrotou o salón de actos do hotel Arenteiro, quedando moita xente fora. Entre os asistentes destacou a presenza de representantes do tecido asociativo, veciñal, cultural e empresarial interesados en coñecer as propostas.

Pachi Vázquez facía un chamamento a participar en política, neste "ilusionante" Espazo Común, e recordaba como despois de estar moitos anos "nun contexto moi cómodo", nos últimos tempos convertiuse nun "espazo de difícil convivencia", e matizou que "nós somos constitucionalistas e o partido socialista está alonxando á xente". Tamén apuntou que "somos un partido fundamentalmente municipalista", engadindo que "o concello ten que ser un motor da economía, das políticas sociais e do medioambiente"

Na presentación, conducida polo concelleiro carballiñés Adolfo Nogueira, que recentemente abandonou o PSOE, fíxose fincapé no novidoso do proxecto, na independencia que ofrece así como no achegado á realidade social do contexto político-social actual. María Quintas referiuse ao novo partido como un "espazo solidario e de debate cidadán". Mentres, as concelleiras do grupo non adscrito do Carballiño, Charo González e Érika Paz, mostráronse moi ilusionadas e dispostas a aportar a súa experiencia adquirida nos últimos anos sobre o medio rural e o medio ambiente.
Gonzalo Rodríguez Conde, concelleiro no San Amaro e cunha longa experiencia no asociacionismo veciñal, concretou “as ganas de traballar para establecer un correcto diagnóstico das necesidades do pobo do Carballiño e da realidade da comarca”.

Francisco Fraga, deputado provincial e candidato por Piñor, expresou a necesidade de apostar polos concellos do rural desde o fondo coñecemento da súa realidade e a definición de modelos adecuados á mesma que garantan a correcta prestación dos servizos públicos nestas áreas, en pé de igualdade. Tamén asistiu Ana María Rodríguez, candidata por Maceda.n
 

Te puede interesar