O padroado da canceira ábrese ó voluntariado

Montes, García e Emilio Riobó. (Foto: Miguel Angel)
O alcalde do Carballiño, Carlos Montes, presidiu onte a reunión extraordinaria de constitución do padroado da fundación que se encargará da xestión do Refuxio de Animais de A medela (antiga canceira municipal), e no que están representados os grupos políticos, asociacións veciñais, ecoloxistas e de cazadores.
Nesta primeira xuntanza, acordouse propoñer ó resto dos concellos da comarca a súa adhesión, 'de xeito que as corporacións respectivas deberán aproba-los estatutos da fundación do refuxio e a cuota que lles corresponda', subliñou o vicepresidente do padroado, Bernardo García. Os membros do padroado nomearon unha comisión delegada co obxectivo de elaborar o orzamento de ingresos e gastos e fixar tamén as cantidades que aportarán os oito municipios, que será proporcional ó seu número de habitantes.

Por outra banda, ademais do personal que aporta a Diputación provincial, integrado por dous operarios de mantemento das instalacións e dun veterinario para a asistencia sanitaria dos animais, o padroado abriu un listado para todas aquelas persoas que desexen traballar como voluntarios no refuxio.

Bernardo García explica que 'istes voluntarios adicaranse á publicitación da canceira e das campañas de adopción que imos poñer en marcha, ademais de encargarse de sacar os cans a pasear'. Neste mesmo eido, a fundación dirixirase ós xulgados de instrucción do Carballiño 'para que aqueles cidadáns que sexan obxecto de sentencias por infraccións de tráfico poidan facer a súa prestación social'.

Te puede interesar