Un total de 23 denominacións e indicativos de calidade e o pulpo do Carballiño instalaron as súas casetas de promoción

Os panadeiros de Cea gañan máis adeptos na súa festa de exaltación

O Campo da Saleta rexitrou unha gran afluencia dende primeiras horas da mañá, co gallo da celebración da vixesimo primeira edición da 'Festa de exaltación do Pan de Cea', nunha xornada marcada por un sol que os carballos do recinto mitigaron en boa parte. Veciños da comarca carballiñesa, do resto da provincia e achegados dende outros puntos de Galicia, Asturias, Cantabria e León, entre outras comunidades do Estado, visitaron as casetas das 23 denominacións de orixe e indicativos xeográficos específicos de calidade de productos galegos, entre istes últimos o afamado pan de Cea.
Ademais, o Concello do Carballiño tamén instalou outra caseta promocional da 'Festa do Pulpo', que o vindeiro 12 de agosto acadará as súas vodas de ouro. O festexo foi prologado polo humorista Xosé Manuel Puente, 'Isi', que sorprendeu o público pola súa naturalidade e improvisación á hora de arrincar un sorriso. Logo, o alcalde e anfitrión, José Luis Valladares, acompañado de Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador do Pan de Cea, impuxeron a Tomás Louzao Campos, o último panadeiro xubilado, a insignia de ouro da festa.


DEGUSTACIÓN

A continuación, as autoridades presentes, entre as que se atopaba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, percorreron as casetas de promoción e probaron o pan da localidade mollado en aceite. Mentres, no bar da organización tamén se podía degustar de balde pan con embutidos variados elaborados pola empresa Castro Bello, ubicada no parque industrial do Carballiño. Unha charanga e un grupo de gaitas animaron o xantar popular, no que medio milleiro de comensais degustaron pulpo á feira, empanada, carne ó caldeiro, viño, postres de queixo, mel e bicas, ademais de licores, todos eles ó abeiro das marcas de calidade galegas.

Xa polo serán, as autoridades entregaron os premios ós gañadores do primeiro maratón de fútbol sete 'Pan de Cea', e completouse, ata agotar as existencias, a degustación de 100 pezas de pan con 100 quilos de chourizos.

Te puede interesar