o carballiño

Partovia organiza dúas andainas pola Ruta dos Arrieiros

carballiño
photo_camera Rosa Fuentes, Ernesto Blanco e Diego Fernández, na presentación. (X.A.R.)
Os itinerarios, de 11 e 17 quilómetros, darán a coñecer enclaves desta parroquia do Carballiño

A asociación de veciños de Partovia, no Carballiño, ten programadas para este domingo dúas andainas con diferente nivel de distancia e esforzo para promocionar a súa parroquia e o Camiño dos Arrieiros, que atravesa unha boa parte da mesma e que enlazaba O Ribeiro con Compostela na Idade Media. O presidente do colectivo, Ernesto Blanco, e os concelleiros de Cultura e Medio Rural, Diego Fernández e Rosa Fuentes, presentaron esta actividade, orientada á participación de persoas de tódalas idades.

O representante de Partovia indicou que "xa temos máis de 150 inscritos en total, tanto na ruta curta de 11 quilómetros como na longa de 17 quilómetros, nas que se poderá apreciar a paisaxe e a historia da parte norte da parroquia como do propio Camiño dos Arrieiros, pasando polo núcleo de Sona, do século XVIII, e a paraxe das covas das Adegas, entre outros lugares de interese, todo elo por sendeiros naturais". Se ben a andaina curta é de dificultade media e baixa, Ernesto Blanco, advertiu que "a longa ten moitas subidas e precisa dunha meirande preparación física".

O local do colectivo veciñal, ubicado nas Cavadas, será o punto de saída das dúas rutas, a partir das 9,30 horas deste domingo, e tamén será o punto de chegada, onde haberá un pequeño xantar para os sendeiristas, que deben abonar unha cota de seis euros ó inscribirse. Rosa Fuentes felicitou á asociación e animou á participar nesta actividade, "para descubrir estas zonas fermosas de Partovia por uns sendeiros que o Concello mantén completamente limpos de maleza por estas datas". Pola súa banda, Diego Fernández salientou "este tipo de iniciativas que os veciños de Partovia promoven ó longo de todo o ano, neste caso dende unha perspectiva da saúde, e que contribúen a fixar poboación no rural".

Os itinerarios seguirán varios tramos do Camiño dos Arrieiros, que cunha lonxitude total de 17 quilómetros, Partovia comparte coas parroquias de Mesego, Sagra e O Barón (xa no límite co municipio de Leiro), e que os viticultores da comarca do Ribeiro utilizaban como paso obligado para transportar nas súas cabalerías os depósitos de viño ata a Santiago de Compostela e os portos das Rías Baixas. O eixo natural desta ruta medieval é o regato do Varón, que nace no municipio de Maside, e tras atravesar o casco urbán do Carballiño desemboca no río Avia, á altura de Gomariz, en Leiro.

Te puede interesar