CARBALLIÑO

Piñor desenvolve unha Escola de empoderamento feminino

A iniciativa busca "omentar a autoestima, as potencialidades a nivel persoal, a seguridade física e psicolóxica, loitando contra os estereotipos de xénero"

O Concello de Piñor pon en marcha unha Escola de empoderamento feminino, unha nova iniciativa financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade que consiste nun curso formativo destinado exclusivamente a mulleres, no cal se impartirán todo tipo de contidos vinculados co seu empoderamento. "A idea é fomentar a autoestima, as potencialidades a nivel persoal, a seguridade física e psicolóxica, loitando contra os estereotipos de xénero e permitindo que as mulleres participantes sexan  quen de percibir todo o que son capaces de conquerir por si mesmas", apuntan os responsables municipais.

A Escola de empoderamento feminino de Piñor contará con 16 sesións de 2 horas de duración, sendo un total de 32 horas formativas e desenvolverase dende o 1 de agosto ó 26 de setembro, os xoves de 19,00 a 21,00 horas, no Centro Social (Albarona). A actividade é totalmente gratuita e deberá formalizarse nos Servizos Sociais do concello antes do 1 de agosto.

As sesións versarán sobre a autoestima e crecemento persoal, traballando coa risa, o baile e a relaxación como principal antídoto aos problemas emocionais; preténdese tamén que as participantes recoñezan a importancia de coidar da súa saúde, fomentando o autocoidado. Ademais, abordarase a autodefensa persoal física, psicolóxica, emocional, individual e colectiva, creando espazos seguros e ampliando as posibilidades fronte ás violencias e, finalmente, a alfabetización dixital sobre o manexo de teléfonos móbiles.

Te puede interesar