concello

O PP carballiñés insta ó Concello a sumarse ó plan de vivenda

O plan de vivendas baleiras da Xunta aporta 8.000 euros ós propietarios e 175 euros mensuais ós seus inquilinos

O grupo municipal do PP no Concello do Carballiño presentou un rogo dirixido á alcaldía para que o goberno local subscriba o convenio de Vivendas Baleiras que ofrece a Xunta, e que foi aprobado por unanimidade nunha sesión plenaria celebrada pola Corporación xa hai máis dun ano. O concelleiro popular Argimiro Marnotes lembra que "non se ten feito nada para polo en marcha, xa que O Carballiño non figura no listado de municipios adheridos a este plan, e hai unha moción aprobada que teñen a obriga de cumplir.

O edil do PP suliña que "sabemos de moitas persoas que estarían interesadas en alugar vivendas a baixo coste e de titulares de vivendas que as porían en uso para estes alugueres, tendo en conta as facilidades que lles dan para facer obras de mellora e garantir o cobro do aluguer por medio dun seguro". Este programa da Xunta aporta unha axuda de 175 euros mensuais a aquelas persoas que teñan necesidade dunha vivenda en réxime de aluguer, e unha cantidade de 8.000 euros ós propietarios para realizar obras de reforma ou mellora e a contratación dunha póliza de seguro que lles garante paliar calquera tipo de continxencia.

O programa está orientado á participación dos municipios de máis de 10.000 habitantes, coma é o caso do Carballiño, de xeito que o Instituto Galego da Vivenda poida dispoñer de vivendas que están desocupadas e destinalas ó aluguer social. Argimiro Marnotes engade que "a adhesión do Concello a este programa da Xunta, ademais de supoñer máis facilidades para as persoas que precisen vivir de aluguer, tamén repercutiría no abaratamento dos prezos actuais do mercado inmobiliario, xa que, por exemplo, un piso polo que se pagan agora 300 euros, quedaríase en tan só 125 euros".

Te puede interesar