O Carballiño

O PP de Carballiño solicita o cambio das palmeiras por outras árbores

O Carballiño

O PP de Carballiño solicita o cambio das palmeiras por outras árbores

Este grupo da oposición avisa ao concello de que as palmeiras están afectadas pola praga "picudo roxo"

O grupo municipal do PP solicita ao Concello do Carballiño a substitución das palmeiras por outras árbores na contorna da Veracruz, e tamén en Catro Camiños tras un estudo previo de remodelación do cruce da rúa Castelao.

Sinalan os "populares" que tres das catro palmeiras que dende fai décadas forman parte da paisaxe na contorna da Veracruz están afectadas pola praga do "picudo roxo" que fai destas un punto de perigo inminente, "varios veciños xa levaron algún susto polo desprendemento de ramas e ademais dá unha imaxe penosa do noso Templo da Veracruz", matizan. 

Estas palmeiras, xunto coas outras dúas da rotonda de Catro Camiños, tamén afectadas pola mesma enfermidade, "e que de ningunha forma se poderán recuperar, deben de ser substituídas por outras árbores que garantan sombra pero que non cheguen a tapar a fachada do Templo da Veracruz como sucedía coas palmeiras", engaden.

O PP solicita en Catro Camiños que, antes de planificar a substitución das palmeiras por outras árbores, se estudie a posibilidade de modificar o espazo no que se atopan e remodelar o cruce para que faga unha conexión lóxica entre a avenida de Compostela e as rúas Castelao, Bos Aires e Serra Martiñá.