POLÍTICA

O PP insta ó Concello á convocatoria do concurso de ideas do Parque carballiñés

Os populares lembran que hai unha partida de 10.000 euros nos orzamentos de 2018 para a convocatoria do concurso de ideas

O grupo municipal do Partido Popular vén de solicitar do equipo de goberno do Concello do Carballiño a renovación do compromiso acadado pola Corporación no mandato anterior para a convocatoria do concurso de ideas que rexirá o futuro ordenamento do Parque da vila. Os populares lembran que "xa foi no ano 2015 cando se aprobou a convocatoria dun concurso de ideas, e unha vez elixida a que máis gustase, poder redactar o seu proxecto e empezar a executar as obras precisas".

Pero, prosiguen os concelleiros do PP, "dende aquela ata o de agora aínda non se aprobaron as bases técnico-administrativas para dito concurso, polo que, é unha asignatura pendente do anterior mandato que desexamos sexa asumido de forma contundente polo renovado goberno municipal". O PP considera que "este acordo debe de pasar outra vez polo pleno da Corporación para convalidar este compromiso e que o actual goberno non caiga nin no pasotismo que se tivo ata o de agora, nin na tentación de facer obras de infraestrutura que non sexan consensuadas".

O grupo popular tamén fai mención da existencia dunha partida de 10.000 euros nos orzamentos prorrogados de 2018, denominada Plan Integral Parque Municipal, "que xa fora incorporada nos mesmos á petición nosa, e que para a convocatoria deste concurso podería ser suficiente".

Para os populares, a convocatoria deste concurso de ideas para o Parque "é unha das prioridades para este mandato e queremos que sexa unha realidade, polo que instamos ó Concello á que a moción que se presenta poida ser tratada no primeiro pleno ordinario".

Te puede interesar