O Carballiño

O PP pide axudas para os colexios carballiñeses

O Carballiño

Educación

O PP pide axudas para os colexios carballiñeses

Os populares critican que as subvencións só sexan para as ANPAS dos centros públicos, esquecendo aos concertados

O grupo municipal do PP do Carballiño afirma que o goberno local está discriminando "a centos de familias que teñen rapaces nos colexios concertados do pobo". Asegura que o concello publicou unha liña de subvencións só para as ANPAS do colexio público de Infantil e Primaria, polo que "esiximos unha rápida rectificación das bases destas subvencións, para que se estendan tamén ás asociacións de pais dos centros concertados (Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro), pois a súa exclusión podería ser inconstitucional".

As axudas son para a implantación de programas destinados á conciliación da vida familiar e para a realización de actividades de carácter educativo e gastos de funcionamento no curso 2019/2020. E os "populares" consideran que "cando as actividades para conciliación fanse por medio das ANPAS, estas deben ser consideradas como unha agrupación de nais e pais e, todas elas, tamén con independencia do colexio no que estean organizadas, teñen os mesmos dereitos a ser adxudicatarias desta subvención", que agora publica desta forma o grupo maioritario do goberno. A axuda ten a súa orixe nun acordo do pleno do 7 de marzo deste mesmo ano, "quedando claro durante as negociacións para a súa aprobación que as subvencións estaban dirixidas a todas as ANPAS", matiza.

O PP pide ademais que a cantidade de 5.000 euros que se contempla se destine só aos meses de setembro a decembro de 2019, e que se convoque unha nova liña de subvencións para o 2020.