O CARBALLIÑO

Os premiados co Losada piden apoio á cultura galega

Os premiados, terceiro e cuarta pola esquerda, no acto en Boborás.
photo_camera Os premiados, terceiro e cuarta pola esquerda, no acto en Boborás.

 López Silva e Xosé Ramón Pena recolleron o seu galardón no pazo de Moldes 

Autoridades e gañadores do XXXII Premio Antón Losada Diéguez reivindicaron onte en Moldes a vixencia e a necesidade de apoio e promoción da cultura galega. Ao acto celebrado no pazo dos Losada en Moldes, asistiron, ademáis dos galardoados Inma López Silva e Xosé Ramón Pena, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura de Boborás, Patricia Torres e outras autoridades e persoeiros da cultura.

Francisco Fumega destacou o compromiso coa cultura galega: “O Premio Antón Losada Diéguez –dixo- hai tempo que ven recoñecendo o labor da creación literaria e da investigación en Galicia, e este é un motivo de orgullo para quen representamos ás institucións que convocamos este premio".

Lorenzo felicitou aos galardoados e dixo que o premio dignifica o nome da persoa ao que se dedica, e que serve para menter viva a súa memoria, lembrando unha parte moi importante da nosa historia. 

Inma López Silva, que obtivo o premio na modalidade de creación literaria, pola novela “Aqueles días en que éramos malas”, resaltou o labor da promoción da cultura galega a pequena escala coma a que supoñía este premio, e dixo que hoxe cumprirían algunhas figuras como Losada Diéguez. Asegurou que a novela premiada era a máis querida, e llo agradeceu a Víctor Freixanes, que a editou, así como a Galaxia, ao xurado e ás institucións que o convocan. Finalmente, demandou máis apoio e investimento para a cultura.

Xosé Ramón Pena, galardoado na modalidade de investigación pola obra “Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936”, lembrou a Ricardo Carballo Calero, do que se proclamou discípulo e continuador da súa obra, para pedir que se lle conceda o Día das Letras Galegas.

Te puede interesar