Un problema de última hora suspende o teatro deste domingo

O grupo de teatro Tiruleque decide continuar cos circuitos pese a suspensión que pediu o concello

Tiruleque Grupo de Teatro decidiu continuar coas actividades a prol da cultura no Carballiño, "estemos ou non confinados, e dado que traballamos no eido do teatro, é o noso propósito continuar coas actuacións que no seu momento quedaron suspendidas a solicitude do Concello". Desta forma, o grupo anuncia que seguen adiante coa organización dos Circuítos Galegos de Teatro Afeccionado, que se organizan en colaboración coa Federación Galega de Teatro Afeccionado e a Xunta de Galicia, así como a XIII Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón,

Para mañá domingo estaba prevista unha representación pero "debido a un problema xurdido a última hora, o grupo de teatro Atrezo que ía actuar no Auditorio Manuel María do Carballiño non poderá viaxar nesa data, polo que se suspende a actuación coa obra Chicago Killers", informa Tiruleque.

Con todo, mantén a intención de continuar coa programación prevista, matizando que "unímonos polo tanto a todos aqueles colectivos, como Sarabela, o Centro Dramático Galego e tantos e tantos grupos de teatro, que continúan dispostos a que a cultura non esmoreza".

O grupo Tiruleque tiña organizado para este domingo a actuación de Atrezo, aumentando as medidas de seguridade para evitar o contaxio do covid-19 como un aforo restrinxido a menos do 19%, xa que soamente estaba previsto o uso de 78 butacas das 420 que ten autorizadas o auditorio.

Te puede interesar