SOLICITUD

O PSdeG do Irixo pide o arranxo da carretera da residencia

Asegura que varios veciños queixáronse ao PSdeG porque o tránsito por esta estrada faise moi complicado debido o mal estado da mesma

O portavoz do grupo municipal socialista do Irixo, Iago Fariñas Valiña, solicitou ao Concello o arranxo da estrada de acceso á residencia xeriátrica Nosa Señora da Sela e a diversos pobos que "está nun estado lamentable ante a pasividade do goberno municipal", segundo indica o portavoz.

Asegura que varios veciños queixáronse ao PSdeG porque o tránsito por esta estrada faise moi complicado debido o mal estado da mesma. "Estrada pola que os veciños circulan a diario, non só para acceder á residencia de xeriatría senón tamén para acceder a diversos pobos como Marnotes, Reguenga, Porto da Veiga ou Condomiña, entre outros, ou incluso ao centro de saúde que se encontra a escasos metros", sinala este concelleiro da oposición.

Tamén apunta Iago Fariñas que o Concello ten medios para acometer sen máis demora o parcheado desta estrada aínda que sexa provisionalmente á espera dun arranxo definitivo da mesma, atendendo ao uso diario e constante de usuarios da residencia e veciños.

Iago Fariñas, engade que "o goberno dispón de tres concelleiros con soldo que lle custan a este Concello mais de 72.000 euros e que deberían traballar tódolos días atallando con dedicación todas as necesidades de todos os veciños do Irixo", conclúe. 

Te puede interesar