SERVIZOS

O PSdeG pide o arranxo de accesos en Pazos de Arenteiro

Os socialistas afirman que o concello discrimina a parte alta do pobo, algo que nega o goberno local

Os socialistas de Boborás afirman que o goberno municipal "discrimina" a parte alta do pobo de Pazos de Arenteiro, declarado Ben de Interés Cultural. Sinalan que "o mal estado no que se atopan os camiños evidencia que os esforzos están todos concentrados en arranxar as zonas que máis interesan ao goberno municipal, nomeadamente, a zona na que se concentra a casa de turismo rural".

O secretario local do PSdeG, Javier Lamas, fai referencia aos "camiños parcheados con cemento" e a preocupación dos veciños que "temen pola súa propia seguridade ao tratarse de camiños intransitables durante o tempo de xeadas e choivas, debido ao grande desnivel". Javier Lamas engade que "hai

un par de anos que o concelleiro de Obras visitou a zona, prometendo arranxar os camiños sen que se volvera a saber del e das súas promesas".

Pola súa banda, a portavoz do goberno do PP, Patricia Torres, sinalou que "non entende" as manifestacións dos socialistas, xa que sempre foron atendidas as peticións dos veciños. Sinala que toda a aldea está protexida por Patrimonio e que de ningún modo se descrimina a parte alta. "Téñense feito as cousas que pediron como a colocación dunha baranda e a estrada provincial está en bo estado", destaca a edil, engadindo que "tamén se está arranxando un tramo do acceso ao cementerio que beneficia a todo o pobo e temos en proxecto o arranxo dun camiño que comunica a parte alta co resto da aldea". 

Te puede interesar