La Región

POLITICA

O PSdeG reclama transparencia ao novo goberno de Punxín

O grupo da oposición pide explicacións sobre os acordos entre as novas formacións do goberno, PP e Ciudadanos

O PSdeG reclama transparencia ao novo goberno de Punxín

O PSdeG critica o que considera falta de transparencia en Punxín, "que unha vez máis reina no concello, da man do novo bipartito formado polo Partido Popular e Ciudadanos". Os socialistas afirman que quedaron "anonadados", cando na celebración do pleno de organización, se nomeou como tenente de alcalde ao portavoz de Ciudadanos, Eligio González, "pero sen anunciar que delegación de competencias vai ter, nin cal é o acordo ao que chegaron ambos grupos políticos", sinalan. 

Así, este grupo da oposición pide explicacións sobre os acordos entre ambas formacións do novo goberno, "xa que son de vital importancia para o futuro da veciñanza". A portavoz socialista, Lorena Peleteiro, ten claro que "este bipartito non é transparente e parece que só chegaron a un acordo para cambiar sillóns, non delegar competencias e manter o silencio ante estes actos, nos que non dan explicacións públicas no pleno".

Finalmente, pídenlle a Ciudadanos e o seu portavoz que cumpra co punto primeiro do seu programa electoral. "Venderon en campaña que chegaban para rexenerar a vida política e facer primar a transparencia, pero está claro que eran estratexias para obter votos, xa que o primeiro que fixeron foi prolongar o goberno do PP e agora non dan ningunha aclaración sobre os acordos aos que chegaron”, sinala a portavoz socialista, Lorena Peleteiro.