OBRAS

O PSOE do Irixo solicita obras de saneamento para 25 aldeas

irixo_result
photo_camera Aspecto dun verquido de augas fecais en O Irixo.

Iago Fariñas asegura que o concello dispón de medios e maquinaria propia para afrontar actuacións necesarias en núcleos sen servizos

O grupo municipal do PSOE de O Irixo presentou unha moción no rexistro do Concello na que solicita que se dote de rede de saneamento a máis de 25 núcleos de poboación que carecen deste servizo básico. O portavoz desta formación política, Iago Fariñas, asegura que as localidades de Cangues, A Pedriña, Santiso, Outeiro de Reádegos, Cerdeira de arriba, Cerdeira de abaixo, As Antas, Valdesoiro, Paredes, A Ermida, Frixe, Surribas de Froufe, Zebral, O Espiño, Sidre, Covelo, Espiñeira, A Esfarrapa de abaixo, Vila, Trabazón, Munín, Nabas, Barro de San Cosme, Río, O Coto, Chelos, e Zacarade non dispoñen de saneamento e, nalgún caso, tampouco de rede de abastecemento.

O concelleiro socialista apunta que é impensable que un goberno municipal, "despois de máis de 31 anos ininterrompidos de mandato, non fora capaz de acometer, con axuda de outras administracións ou cos seus propios recursos, o saneamento de todos estes pobos". Neste sentido, Fariñas lembra que "o Concello de O Irixo vén nos últimos anos facendo alarde de ter diñeiro sobrante dos presupostos municipais, no último exercicio, máis de 295.000 euros".

Engade que "hai ata tres fontaneiros traballando para o Concello, e outros operarios, así como maquinaria para poder acometer polos seus propios medios algunhas destas obras de saneamento". O portavoz do PSOE considera "unha falta de traballo imperdoable do goberno municipal que, tendo medios e recursos económicos para acometer o saneamento destes pobos, non o fai", mentres gasta parte dos cartos noutras obras que non son prioritarias.

Finalmente, Iago Fariñas apunta que "é especialmente preocupante que, nalgún pobo como o caso de Zacarade, se acometese a instalación de saneamento das casas do pobo e finalmente se canalizase e deixase a ceo aberto vertendo as augas fecais por un rego sen que finalicen nunha fosa séptica". Por todo elo, instan ó Concello a habilitar unha partida orzamentaria que permita afrontar os traballos necesarios.

Te puede interesar