Récord de participación nos Cantos de Taberna

Once grupos actuarán en outros tantos locais durante o día de hoxe

O certame de Cantos de Taberna “No bico un cantar", que este ano chega á súa sexta edición no Carballiño, será o de maior participación tanto de grupos de música popular como de locais hostaleiros nos que se desenvolverá esta actividade.

O evento, que reunirá a 11 grupos, e no que participan 11 locais hostaleiros, foi presentado onte polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e a integrante da asociación cultural Terras do Arenteiro, Asun Adá, que organiza o festival en colaboración co Concello do Carballiño.

A partir das 20,00 horas do día de hoxe, e ata pasada a medianoite, os grupos "Música Tradicional Rubulir", de Ramirás; "Lembranza Solpor", de Celanova; "Os da Cuña", de Ourense; "As Faíscas", de Boborás; "Feitizo de Pau", de Cea; "Banda de Gaitas do Irixo", "Cotovías", de Maside; "Tokaide", de Partovia; "Serandeiros" do Carballiño; "O Canto do Viri", do Carballiño, e "Terras do Arenteiro", tamén do Carballiño, actuarán nos locais Brioche, Caserío, Don Paco, Ernesto, Estate Quieto, A Fuchela, Ningures, Plaza, Riquirmo e Soldado, ademais de O Fiadeiro, onde será o fin de festa. En cada local actuarán tres grupos, alternándose entre as 20,00, as 21,00, as 22,00 e as 23,00 horas. 

Diego Fernández dixo que esta edición supón un récord de participación de grupos e locais, e que o obxectivo está en recuperar a música popular e tradicional de Galicia. Asun Adá asegurou que se trata dunha das mellares iniciativas para resaltar a cultura tradicional desde o Carballiño.

Te puede interesar