Reedición da novela "El Cisne de Vilamorta", de Pardo Bazán

Trátase dun dos actos organizados pola Concellería de Cultura de Carballiño

A Concellería de Cultura do Carballiño e o Centro de Estudios Chamoso Lamas organizan actos para conmemorar o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. O 12 de maio deste ano 2021 cumpriranse 100 anos da morte da escritora, vencellada a finais do século XIX co Carballiño, debido ao seu matrimonio con José Quiroga, natural de Banga.

En 1885, a escritora publicou a novela "El Cisne de Vilamorta", que se desenvolve no Carballiño e Banga. Así mesmo, "La madre Naturaleza" e "Los Pazos de Ulloa", conteñen diversas referencias concretas ás terras do Carballiño, como son as alusións ao "bizcocho de Vilamorta" e ao "río Avieiro", ademais da paisaxe da bocarribeira en Banga.

Entre as actividades, está previsto realizar unha reedición de "El Cisne de Vilamorta" co obxectivo de distribuila entre o alumnado de Bacharelato; tamén un ciclo de conferencias e un acto de lectura pública de "El Cisne de Vilamorta". Ademais, realizar unha ofrenda floral ante o monumento na Praza Emilia Pardo Bazán o 12 de maio, e programar un percorrido urbano guiado vencellado coa novela, así como pola historia e a configuración arquitectónica, política e social da vila naquel tempo. Finalmente, a celebración dun acto cultural, promovido por destacados profesionais do teatro e da música, na Praza Maior.

Te puede interesar