MELLORAS

Remata a recuperación de fontes no Carballiño

O obxectivo destes traballos no rural é a restauración do patrimonio de uso común que se atopa en peor estado

O departamento municipal de Medio Rural do Carballiño rematará no vindeiro mes de setembro o programa de mellora de fontes e lavadoiros das aldeas e parroquias, iniciado hai dous anos e que vai xa pola terceira fase. Este plan, que se promove a través dun programa de colaboración social co INEM, permitiu contratar o pasado ano a catro persoas, tres albaneis e un peón forestal, e este ano, a tres operarios forestais, dous peóns e un albanel.

O obxectivo destes traballos é recuperar o medio rural e poñer en valor o seu patrimonio etnográfico, centrado sobre todo naqueles elementos que son de uso común e que se atopan en peor estado. Así, dende o pasado mes de maio lévanse a cabo tarefas de limpeza, selado de gretas e roza da maleza da contorna e accesos ós mananciais públicos, que finalizarán a mediados de setembro.

Nos dous últimos anos limpáronse e arranxáronse medio cento de fontes en 28 localidades, e nesta fase espérase acadar a mellora doutros 20 elementos máis, nas aldeas de Banga, Sagra, Seoane, A Piteira, Mudelos  e Longoseiros, entre outras.

Te puede interesar