O Carballiño

A Residencia de Tempo Libre acolle a 105 maiores no Nadal

Residencia de Tempo Libre, en O Carballiño.
photo_camera Residencia de Tempo Libre, en O Carballiño.
A recollida das persoas participantes efectuarase o día 23 de decembro pola tarde e a volta o día 7 de xaneiro despois do almorzo.

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño acollerá no próximo Nadal a 105 persoas das provincias de Ourense e Pontevedra dentro do programa Xuntos polo Nadal. A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias. 

Xuntos polo Nadal levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2019 e o día 7 de xaneiro de 2020 e comprende a estancia na residencia durante 16 días (15 noites); aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa; desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda ata a residencia e actividades de animación sociocultural. 

A recollida das persoas participantes efectuarase o día 23 de decembro pola tarde e a volta o día 7 de xaneiro despois do almorzo. As persoas beneficiarias deberán ter 60 anos, cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Ademais da Residencia do Tempo Libre do Carballiño, a Consellería de Política Social tamén ofrece 105 prazas na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra), para as persoas solicitantes da provincia de A Coruña; e 50 no Complexo Residencial Xuvenil Lug II (Lugo), para as persoas solicitantes desa provincia.

Te puede interesar