O CARBALLIÑO

Respaldo á labor investigadora do congreso Chamoso Lamas

<p></p>
photo_camera Participantes na xornada inaugural do congreso.

O vicedecano, Manuel Cid, manifestou que "moitas cousas que din que son plaxio, non o son" 

O vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Universitario de Ourense, Xosé Manuel Cid Fernández, fixo unha defensa dos investigadores das universidades en contraposición ao desprestixio que ven motivado na actualidade por feitos que calificou de atípicos, referíndose ao escándalo mediático dos másteres que chegou ao Congreso. Manuel Cid interveu na xornada inaugural do XI Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas, que comezou onte co título "Mesturas ás beiras do Miño. O fluxo cultural entre Galicia e Portugal".

Este alegato foi esgrimido no congreso como unha crítica ao cuestionamento dos traballos de investigación. Por iso, o profesor Cid Fernández felicitou aos investigadores polo seu esforzo. De aí que afirmase con rotundidade que "moitas cousas que din que son plaxio, non o son". Ao respecto, o vicedecano mostrou a súa crenza de que en realidade o que subxace é un intento de desprestixiar o ensino público.

Neste acto tamén interviñeron o presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Luis Sobrado, e o concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández.

A ponencia inaugural tivo como protagonista á profesora María Beatriz Vaquero, que falou sobre "Ríos e fontes: o aproveitamento da auga no Ourense medieval".

O congreso, ao que asisten arredor de cincuenta persoas, continuou durante todo o día con ponencias referidas á conflictividade social na comarca do Carballiño durante a Idade Moderna, ao Castro do Padrao, aos silleiros de Maside, á pratería da igrexa de San Xulián de Parada de Labiote, á arqueoloxía na farmacia e unha mesa redonda sobre as relacións transfronteirizas do século XXI, incluida a proxección das documentais O carro, de Xoaquín Lorenso, e Galicia, de Carlos Velo. A xornada de hoxe desenvólvese na localidade portuguesa de Melgaço, onde ademais da exposición de relatorios levaranse a cabo diversas visitas guiadas.n

Te puede interesar