Cultura

A revista “O Quince" celebra o 30 aniversario

Manuel Prado presentando a revista O Quince.
photo_camera Manuel Prado presentando a revista O Quince.
O escritor Pablo Nogueira gaña o primeiro e o terceiro premios do concurso literario do concello de Beariz

O salón de actos do Concello de Beariz acolleu a presentación da revista cultural "O Quince". Neste ano acada o seu 30 aniversario e trátase dunha publicación "que foi mellorando co paso do tempo e que dende o ano 2000 non inclúe publicidade", segundo destaca o alcalde, Manuel Prado.

Na portada, fíxose unha composición coas portadas de tódalas revistas publicadas ata agora e a editorial, tal e como xa vén sendo habitual, está asinada polo escritor José Balboa. Na revista tamén se recollen os traballos gañadores nos concursos literario e de fotografía correspondentes ao ano 2019. Outro apartado de interés ten que ver coas imaxes de "Beariz hai anos", onde a través de 36 fotografías se reflexa e recupera a historia viva deste concello: procesións, festas, actividades agrícolas, retratos e paisaxes.

A continuación figuran catro colaboracións de Xesús Antonio Gulías, Fillo Predilecto de Beariz. Tamén chaman a atención os "Contos na lareira V", que constitúe unha recreación literaria a base de anécdotas e feitos reais que tiveron lugar no Concello. Todo contado con humor e retranca. 

O seguinte apartado leva como título "Os arrieiros e os seus cantos", e tamén inclúe un artigo de José Balboa describindo as diversas etapas que fixo cunha filla súa e dúas netas do Camiño da Geira e dos Arrieiros. A partir da páxina 99 figura o apartado fotográfico "Actualidade de Beariz" con 30 fotografías que reproducen a riqueza cultural, etnográfica e paisaxística deste municipio.

Por outra banda, durante o acto de presentación, Manuel Prado tamén diu a coñecer os gañadores dos concursos deste 2020. No certame fotográfico, o primeiro premio foi para "As voltas que dá a vida", dotado con 200 euros, cuxo autor é Alfredo Javier Ramos; o 2º premio: "Pedras que nos levan ao ceo", con 100 euros, de Juan José Álvarez; 3º premio: "As casiñas do millo en Beariz", 50 euros, de Susana Baños.

En canto o concurso literario, o 1º premio foi para "O Pepiño de Novoa Orleáns", dotado con 500 euros, o autor é Pablo Nogueira; 2º premio, "Un psicólogo no peto", de 300 euros, foi para Beatriz Pérez González; e o 3º premio tamén o conseguiu Pablo Nogueira co traballo "O Paxaro”, que recibirá 200 euros.

Te puede interesar