Infraestructuras

A rúa Alameda de Maside contará con novas beirarrúas

A rúa Alameda de Maside está sendo acondicionada ao mesmo tempo que se dota de novas beirarrúas. Na actualidade, a vía está realizada cun pavimento asfáltico deteriorado. Así mesmo, hai varias reixas e sumidoiros que se atopan obstruídas e tapas de arquetas que haberá que repoñer. As obras contemplan un novo firme bituminoso en quente de cinco centímetros de espesor sobre o pavimento existente, previamente fresado, preparado e limpo.

Ademais, realizarase unha nova beirarrúa lindeira coa Alameda e que formará co paseo central un circuito para o paseo e disfrute da veciñanza. Así mesmo, esa beirarrúa garantizará a seguridade ó numeroso transito peonil que fai uso desta rúa para acceder tanto ao Pavillón de Deportes, como á Casa da Cultura, como ao edificio do Colexio Vello, onde no futuro prevese centralizar as actividades culturais do concello.

A actuación complétase coa execución dun sumidoiro de recollida de pluviais conectado a un pozo existente e co pintado das marcas viarias horizontais.

"O concello asume con esta obra a necesidade de mellorar a rúa municipal que probablemente teña maior cómputo de tránsito total (rodado e peonil), debido aos equipamentos culturais e deportivos aos que conduce. E non só se mellora o firme senón que segrégase o tráfico peonil do rodado coa nova beirarrúa, medida coa que sen dúbida se mellorará a seguridade de ámbolos dous tipos de tráfico, especialmente o peonil", apunta o alcalde, José Manuel Iglesias.

Te puede interesar