gastronomía

A Ruta das Tapas de Carballiño ofrecerá a gastronomía de 13 comunidades

Na app "quedamosdetapas" pódense ver os pinchos que oferta cada un dos locais, e que se poderán degustar ao prezo de 1,50 euros.

A Ruta das Tapas do mes de abril está adicada aos Petiscos das Comunidades Autónomas. Será o próximo venres, día 5, e o día 12, a partir das 20,00 horas, nos establecementos de hostalería do Carballiño, que ofrecerán os pratos típicos de ata 13 comunidades. Na app "quedamosdetapas" pódense ver os pinchos que oferta cada un dos locais, e que se poderán degustar ao prezo de 1,50 euros.

Paella, xamón, migas, mexilóns ou bocadillo de calamares, entre outras moitas delicias, que tal e como apuntaba o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, durante a presentación da ruta, onte na cafetería Ningures, será "unha viaxe culinaria por toda España, pero sen saír do Carballiño".

Diego Fernández resaltou o bo traballo que realiza a hostalería local, que logrou que a Ruta das Tapas sexa unha actividade totalmente consolidada como atractivo da oferta gastronómica carballiñesa. "Abril é un mes cunha gran oferta cultural e deportiva, e a gastronomía a complementa moi ben" sinalou.

A xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, agradeceu a colaboración das empresas patrocinadoras do evento, como a adega Pazo Tizón, e recordou os premios directos que se poden obter ao consumir os pinchos. Mónica Blanco, do Ningures, convidou  aos veciños e visitantes a percorrer os locais.

Te puede interesar