San Amaro recupera a feira cun mercadiño de artesanía antiga

A localidade de San Amaro acollerá mañá domingo un mercadiño de artesanía co obxectivo de recuperar a tradicional ‘Feira do 26’. A festa anticiparase hoxe coa actuación da rondalla ‘Alfaia’, de Cenlle, na igrexa parroquial.
Un grupo de veciños da localidade de San Amaro tenta recuperar a celebración da popularmente coñecida como ‘Feira do 26’, unha iniciativa semellante á posta en marcha hai catro anos en San Pedro de Muradás, no municipio de Beariz.

A organización invitou ós artesáns e anticuarios da comarca a fin de que aportasen pezas tales como cadros, tallas e deseños textís para a súa venda nun mercadiño que se instalará mañá domingo ó carón da igrexa parroquial de San Amaro, confirmándose a presenza duns 30 postos.

Na véspera desta festa, na que non faltará un xantar con polbo, carne ó caldeiro e outros productos típicos, está prevista unha actuación musical. Será hoxe ás 21.00 horas na mesma igrexa, e correrá a cargo da rondalla ‘Alfaia’ de Cenlle, que interpretará un total de doce cancións.

Te puede interesar