Segundo roteiro sobre as orixes do Carballiño

O Centro de Estudios Chamoso Lamas organiza un roteiro para coñecer os orixes do Carballiño

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, continuando coa iniciativa da posta en valor do patrimonio histórico do Carballiño, organiza para o domingo 8 de xaneiro un novo roteiro no que o historiador Carlos Montes explicará a configuración urbana da vila carballiñesa a partir do ano 1748, tras o acordo asinado entre o Mosteiro de Oseira e a Encomenda de Beade polos terreos da feira, ata o ano 1900.

Trátase de proseguir co traballo de investigación sobre as orixes do Carballiño, que xa foi obxecto dun roteiro celebrado o pasado mes de setembro e que nesta ocasión se vai ampliar para dar a coñecer algunhas das edificacións máis significativas e emblemáticas da vila, así como dos seus moradores. Neste roteiro cobrarán especial atención algúns edificios existentes e antigas ubicacións xa desaparecidas como o primeiro casino do Carballiño, o que alberga ao actual, a casa do Beato Jacobo Fernández, a casa natal dos pais dos Irmáns Prieto, a casa dos Fidalgos ou a primeira cárcel. O roteiro, que comezará ás 11,00 horas no Asilo, proseguirá pola Rúa Principal, Praza dos Irmáns Prieto, Praza de Emilia Pardo Bazán, Rúa Cánovas del Castillo e Praza Maior.

Te puede interesar