O Servizo de Atención Psicoeducativa atende unha media anual de 15 familias en Piñor

O Servizo de Atención Psicoeducativa (SAP) que ofrece o Concello de Piñor atende unha media anual de 15 familias.
En decembro de 2010 comezábase con este proxecto, ofrecendo intervención psicolóxica infantil. Dende o ano 2012, e debido á situación de crise actual e ó auxe de diversas problemáticas persoais e familiares, dende o Concello de Piñor considerouse preciso abrir este SAP á poboación xeral, tratando así non soamente as dificultades dos cativos senón tamén a adultos e persoas maiores. Este servizo funciona os martes e xoves de 9,00 a 11,00 horas, con cita previa, ofrecendo intervención psicolóxica xeral á poboación.

'A idea é axudar a persoas con dificultades puntuais ou trastornos psicolóxicos e que precisan dunha intervención terapéutica e dun apoio psicolóxico xeral, que dende o Concello queremos brindar a tódolos veciños', sinalan os responsables municipais. No que se refire ó colectivo infantil, a intervención destinase a casos como trastornos de conducta, control de esfínteres, retrasos na linguaxe, déficit de atención e hiperactividade, autonomía e hábitos diarios ou problemas de psicomotricidade, entroutros.

En canto ó resto de colectivos poboacionais, ofrécese un servizo xeral e completo de atención e apoio psicolóxico en situacións de dificultade como a depresión e ansiedade, para o control do estrés (laboral, económico, problemática familiar ou de parella), apoio psicolóxico en procesos de duelo e divorcio, entroutros, na autoestima, motivación, habilidades sociais e terapia individual para deixar de fumar.

Te puede interesar