O servizo de gardería amplíase a 55 rapaces

Purificación Alberte e Martín Nogueira, no centro, rodeados polos catro monitores. (Foto: LR)
Coa denominación 'Bó día, familia', a Concellería de Benestar Social do Carballiño retoma o antigo programa de 'Familias Madrugadoras' para ofertar un servizo a aquelas parexas que, por motivos de traballo, non poden atender ós seus fillos polas mañás.
As renovadas instalacións do local municipal ubicado na rúa Calvo Sotelo darán cabida, dende hoxe e ata o 2 de setembro, en horario de 7,50 a 13,30 horas, a 55 nenas e nenos de entre tres e 12 anos, unha cantidade que amplía o anterior cupo de 40 rapaces, según indicou o concelleiro de Sanidade, Martín Nogueira.

De luns a venres, catro monitores expertos en educación infantil e psicopedagoxía serán os encargados de coordinar as actividades que se poñerán en marcha nesta época estival. Entre elas, manualidades, cine, aprendizaxe de idiomas, saídas para coñecer o parque carballiñés e excursións a outros puntos da xeografía galega. A edil de Benestar Social, Purificación Alberte, comentou que 'imos solicitar o patio do colexio público para que os rapaces xoguen'.

Te puede interesar