Política

Os socialistas reclaman máis persoal sanitario en Carballiño

Sanidade afirma que é pronto para saber as inversións porque aínda se están presentando os orzamentos

A responsable de Política Social do grupo parlamentario socialista, Marina Ortega, vén de instar á Xunta de Galicia, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento de Galicia, a ampliar e mellorar o Centro de Saúde do Carballiño e a súa central de chamadas. Ortega urxiu o incremento de persoal médico nas áreas de Medicina de Familia e Xinecoloxía, así como o persoal de Psicoloxía, Fisioterapia, Enfermaría, auxiliar de enfermaría e persoal administrativo. Ademais, instou a mellorar a central de chamadas e a recuperar a sala de espera de Radioloxía.

"O Carballiño ten un centro de saúde moi pequeno para poder dar un servizo sanitario adecuado, tendo en conta o gran aumento do número de consultas, o que supón que os pacientes de Radioloxía agarden acumulados nun corredor", sinalou. Ademais, Ortega criticou que a Psicoloxía Clínica leve "máis de seis meses sen prestar servizo nun momento de moita demanda".

Desde Sanidade afirman que é pronto para concretar inversións porque aínda se están presentando os orzamentos no Parlamento. Ao respecto, recordan que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciou melloras en centros de saúde e a construción de outros novos, que polo momento é prematuro coñecer con detalle.

Te puede interesar