Teatro e música tradicional abren a fin de semana cultural

O Concello do Carballiño ofrece hoxe tres espectáculos que teñen que ver coa música e o teatro. O gaiteiro Isidro Vidal ofrecerá un concerto de música folk no anfiteatro da Veracruz, dentro do programa cultural do verán 2020. A actuación será ás 21,00 horas, con entrada libre e aforo limitado.

Isidro Vidal busca poñer de actualidade a gaita mesturada con sons máis electrónicos, e neste concerto estará acompañado por Carlos Mariño (sintetizador) e Suso Feixón (percusión).  Unha hora antes, o grupo folk "Caldo" estará no Carballiño actuando nun concerto con temas tradicionais e composicións propias. O concerto, que se enmarca na Rede Galega de Teatros e Auditorios, terá lugar ás 20,00 horas, tamén no anfiteatro da Veracruz, con entrada libre e aforo limitado.

Este grupo está integrado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas.

Pola mañá, nesta xornada de venres, está previsto un espectáculo teatral da man de Talía Teatro, que presenta "Voa, voa", unha peza pensada para lembrar e divulgar a arte de xogar coas palabras. "Voa, voa" conta cunha axuda á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, estando programada a representación para as 11,30 horas, no mesmo anfiteatro da Veracruz.

Te puede interesar