Cultura

Tiruleque abre o prazo para participar na Mostra Amador

Os grupos de teatro interesados en participar deberán apuntarse e enviar a documentación ata o día 1 de xuño

Tiruleque, Grupo de Teatro organiza a 14ª Mostra de Teatro Amador "Terras do Orcellón", que se celebrará no próximo outono no Carballiño. Os grupos interesados en participar xa poden inscribirse, e deberán ter en conta que son requisitos imprescindibles que as obras estarán interpretadas en galego, que teñan unha duración mínima de 60 minutos e de 90 minutos como máximo e que os grupos participantes sexan afeccionados.

A data límite para enviar as inscricións e documentación será o día 1 de xuño deste ano 2021. Os grupos interesados en participar na XIV Mostra de Teatro Amador "Terras do Orcellón", deberán remitir ao enderezo de Tiruleque catro fotos da representación da obra en formato JPG; cartel no mesmo formato e un DVD da obra, lapis de memoria (pen drive) ou, preferentemente, enlace de internet onde se poida ver.

Ademais, deberán ter en conta que os grupos que resulten seleccionados teñen a obriga de mandar 20 carteis en tamaño A3·Plus da obra a representar cando así lles sexa requirido pola organización da Mostra. No

caso de non recibirse os carteis, Tiruleque encargaríase da súa confección; pero os gastos da súa impresión correrán por conta do grupo seleccionado; importe que se deduciría do pago final.

A carga e descarga do material, montar e desmontar a obra, será responsabilidade de cada grupo participante, aínda que Tiruleque estará sempre no Auditorio Manuel María do Carballiño para recibir e asistir durante toda a xornada.

As ofertas deben dirixirse, ben por correo ordinario ou electrónico, a Tiruleque, Grupo de Teatro, Rúa Tomás María Mosquera 36 – 1o, 32500, Carballiño; ou  [email protected] ou a [email protected].

Te puede interesar