O CARBALLIÑO

Tiruleque organiza unha gala a prol da Cruz Vermella

Acturá o Coro de Cámara Música viva e o grupo de teatro tiruleque, que entregará o premio "Terras de Orcellón"

O grupo de teatro Tiruleque, contando coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello do Carballiño, organiza para o próximo domingo a gala benéfica a prol da Cruz Vermella, na que ten previsto entregar o premio da última edición da XI Mostra de Teatro Amador "Terras de Orcellón", que se desenvolveu o pasado outono. O recoñecemento é para Teatro Muxicas da Once, que conseguiu a maior puntuación do público e do xurado.

A gala terá lugar no Auditorio Manuel María, ás 20,00 horas, e as entradas tanto ordinarias como de fila 0 terán un prezo de tres euros. Ademais da entrega do premio actuará o Coro de Cámara Música Viva, e o propio grupo de teatro Tiruleque representará a comedia "Pasou un anxo".

O evento foi presentado onte nun acto ao que asistiron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o deputado provincial e responsable da área de Cultura da Deputación, Manuel Doval; o presidente da asamblea da Cruz Vermella do Carballiño, Modesto Ogea, e os representantes do grupo Tiruleque e do Coro de Cámara Música Viva, Lidia Almonte e Antonio Rey, respectivamente, entroutros.

As entradas están á venda nos seguintes locais hostaleiros e comerciais: A Fuchela, Café La Parada, Floristería Carmiña, Don Paco, Estate Quieto, Peñasco, Librería Escolma, Ernesto Patio Bar, O Caserío, Copacabana e Eurofoto, así como na propia sede da Cruz Vermella.

Te puede interesar