Traslado do cruceiro de Torrón para conservalo

Un temporal afectou á base do cruceiro polo que é necesario o seu traslado a outro lugar para evitar o derrube

O forte temporal do pasado 21 de decembro de 2019, que provocou a caída dun piñeiro de grandes dimensións sobre a estrada entre Carballiño e Ribadavia, á altura do Torrón, non só deixou cortado este vial unha boa parte da noite, senón que afectou á base do cruceiro que se atopa na beira do monte onde tivo lugar o incidente.

Ante o perigo de derrube do cruceiro, a Concellería de Medio Rural, que dirixe Rosa Fuentes, leva a cabo os trámites pertinentes ante Patrimonio para que autorice o seu traslado a outra ubicación. Entre estes trámites figura un informe documentado que lle foi encargado pola concelleira ao historiador e presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Luis Sobrado, e que acaba de rematar.

Polo tanto, os responsables municipais esperan que en breve se consiga a autorización para trasladar o cruceiro de lugar sen que sufra ningún dano e contribuir así á súa preservación.

Segundo apuntou a concelleira, Rosa Fuentes, estanse a estudar varias ubicacións posibles, e para isto mantéñense conversas cos veciños do Torrón.

Dase a circunstancia, segundo apuntan os responsabeis municipais, de que este cruceiro xa fora trasladado na década dos anos 90 do século pasado do seu emprazamento orixinal a raíz da construcción do Eixo do Ribeiro, e que dende aquela está ubicado nun monte que é de propiedade privada.

Os veciños e o concello buscarán agora un lugar adecuado para proceder ao cambio cando autorice Patrimonio.

Te puede interesar