certame literario

Un veciño de Beariz gaña o 29 concurso de relatos curtos

beariz
photo_camera O alcalde de Beariz, Manuel Prado, durante o acto en que se dieron a coñecer aos gañadores.
José Manuel Rodríguez levou o primeiro premio, seguido de Manuel Luque, de Córdoba 

O Concello de Beariz diu a coñecer durante a celebración dun acto o fallo do xurado no concurso literario de relatos curtos, que cumpliu xa 29 anos desde a primeira convocatoria. Os traballos presentados debían ser orixinais, inéditos, en galego ou en castelán, en prosa ou verso. O primeiro clasificado, cun premio de 500 euros foi o relato "El brazalete de Andrea”"de José Manuel Rodríguez Otero (Beariz). Trátase dun relato "moi ben estruturado no que non se pode negar a capacidade de debuxar coas palabras e de facer hábiles descricións", segundo apunta o xurado.

O segundo clasificado, cun premio de 300 euros, leva por título "Jubilación anticipada", o autor é Manuel Luque Tapia, de Córdoba. Toca un tema moi de actualidade: o alzhéimer. A súa evolución nunha persoa que se xubila de maneira anticipada e as súas consecuencias día a día dentro do ambiente familiar.

O terceiro premio, cun valor de 200 euros, corresponde a dous relatos: "Lugar", de Leopoldo Cañizo Durán, e "El Pueblo de las sensaciones", de Andrés de la Vega Rivas, ambos de Beariz. No primeiro, unha conversa entre tres amigos vai tomando forza coma un crebacabezas de xeito que o que xurde é "un retrato dunha Galicia lonxe do tópico no senso de que non é nin tan rural nin tan galega mais é galega dabondo. É unha interesante volta de torca ao tema da emigración: nun mundo globalizado e dixital pódese estar e non estar ao mesmo tempo nun lugar", segundo recolle a acta do certame.

"El pueblo de las sensaciones", é máis ben unha reflexión, unha especie de prosa poético–filosófica que ten como elemento positivo a compoñente local. "Ten algo do conto "Lugar", no senso de que tenta achegarse a Beariz repensando o seu significado, neste caso, Beariz é un estado de ánimo, un punto de encontro necesario e saudable, segundo matiza o xurado deste concurso literario.

O certame está organizado e financiado íntegramente polo Concello de Beariz.


Presentación da revista “O Quince"


Durante o mesmo acto, que se desenvolveu na Casa Consistorial de Beariz, o alcalde, Manuel Prado, tamén presentou o número 29 da revista "O Quince", unha publicación anual, que despois de tantos anos constitúe todo un referente documental sobre a cultura, costumes, arte, xentes e pobos, entre outros aspectos deste municipio.

Neste novo número recóllense os relatos curtos gañadores do concurso do pasado ano, ademais de colaboracións como "Os estragos da peste da moda no Concello de Beariz.1918" ou "As pontes antigas documentadas de Beariz", de Xesús Antonio Gulías. Outro apartado está dedicado as vellas fotografías das xentes de Beariz e dalgúns actos destacados. Tamén se inclúen varios contos, lendas e imaxes do municipio, entre outros apartados de interese sobre este concello da Terra de Montes.

Te puede interesar