ENTROIDO

Os veciños de Boborás recuperan os Felos de Feás

Os felos estarán en Feás, Vecoña e Cardelle, o día 2 de marzo, recorrendo as rúas cos seus vistosos traxes

O Concello de Boborás recuperará para este próximo Entroido a figura tradicional dos Felos de Feás. Trátase dunha personaxe de colorido vistoso, con sombreiros altos, con abanicos e vestidos con colchas, que levan na cintura dous cencerros e outro nun pau co que se acompaña, bailando e facendo sonar o mesmo.

Nesta ocasión unhas 25 persoas, entre grandes e pequenos, levan varias semanas traballando na elaboración dos traxes, e serán as que correrán o Entroido, o sábado 2 de marzo, na parroquia de Feás e tamén en Vecoña e Cardelle. Ao remate, haberá pinchos e chocolate quente no bar da localidade para os participantes.

Esta iniciativa súmase a xa recuperación en edicións anteriores dos Rodos de Pazos de Arenteiro, unha especie de folión que con rodos (apeiros de labranza) se vai polo pobo tocando de noite, e que se fará o luns a partir das 22,30 horas.

A concelleira de Cultura e portavoz do grupo de goberno de Boborás, Patricia Torres, é a principal impulsora da recuperación do Entroido máis tracional neste concello, co retorno despois de moitos anos destas personaxes que aínda recordan os máis maiores.

Os Rodos de Pazos de Arenteiro xa levan varios anos recorrendo as rúas de esta aldea e outras do entorno, participando os veciños e todos aqueles que queiran sumarse.

Neste próximo Entroido, tras afondar máis na tradición popular, tócalle agora aos Felos de Feás, para o que se conta cun bo número de participantes, que levan tempo confeccionando os traxes e que ofrecerán un bo espectáculo aos veciños de Boborás e tamén aos visitantes interesados en coñecer esta parte da historia deste municipio, que pretende divulgar a Concellería de Cultura, recuperando o Entroido máis enxebre.

Te puede interesar