sanidade

Os veciños ceden espazo para o paso da ambulancia a Mundín

Así quedou a rúa principal que comunica ao pobo de Mundín.
photo_camera Así quedou a rúa principal que comunica ao pobo de Mundín.

O Concello de Maside tivo que derribar algunhas edificacións ruinosas para ensanchar a rúa

O Concello de Maside acaba de finalizar o ensanchamento da rúa interior que comunica a parte superior coa inferior da localidade de Mundín, na parroquia de Garabás. As obras incluíron o derribo de inmobles en estado ruinoso ou semirruinoso, o recorte doutros e o movemento dalgúns peches perimetrais. En concreto, foron sobre cinco vellas edificacións que se viron afectadas na súa totalidade ou en parte e que nun dos casos, por tratarse da supresión dunha esquina do inmoble, o concello volverá a reconstruírlo, ao igual que os cierres e muros retranqueados.

A obra, considerada moi necesaria pola veciñanza, foi posible, en palabras do alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, "grazas á colaboración imprescindible e á xenerosidade dos propietarios que cederon do seu polo ben de todos, e ós que todo o núcleo así como esta alcaldía o agradece e recoñece públicamente, desde a quen aportou todo o inmoble ou o que permitiu recortar ata a quen cedeu espazo retranqueando peches de patio".

Esta mellora na accesibilidade ó núcleo de Mundín vai permitir que vehículos de emerxencias ou ambulancias poidan acceder a zonas que antes lles estaban vedadas e favorece a habitabilidade neste lugar de 75 veciños.

A iniciativa forma parte dun conxunto de medidas que o grupo de goberno municipal de Maside ten posto en marcha para impulsar non só o mantemento senón tamén a chegada de novos residentes, abrindo os núcleos e fortalecendo o seu atractivo.

Afirma o rexedor municipal que esta iniciativa continuarase noutras entidades poboacionais, sendo Santa Comba o próximo núcleo no que se actúe.

José Manuel Iglesias sinala que "é unha pena que a Xunta de Galicia facilite o saneamento vexetal nos perímetros dos núcleos rurais e se esqueza de facilitar o saneamento urbanístico no seu interior", referíndose aos problemas que xeran os viales estreitos entre as edificacións, que impiden a vehículos acceder aos núcleos de poboación, con todas as molestias que esa circunstancia ocasiona.

Te puede interesar