O CARBALLIÑO

A XI Festa da Palabra reivindicou o papel dos escritores ourensáns

O Irixo 20/7/19
Festa da palabra ínsua dos poetas

Fotos Martiño Pinal
photo_camera Organizadores, autoridades e premiados na celebración da XI Festa da Palabra.

A poesía, a música, as artes plásticas e a natureza camiñaron da man no acto cultural celebrado na Insua dos Poetas

A poesía, a música, as artes plásticas e a natureza camiñaron da man onte na Insua dos Poetas coa celebración da XI Festa da Palabra, que tamén tivo un carácter reivindicativo en prol dos autores ourensáns. O presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, impulsor desta iniciativa cultural que se desenvolve cada ano na parroquia carballiñesa de Madarnás, foi o encargado da glosa a Antón Tovar, o escritor ourensán ao que se dedicou esta edición, e que conta xa cun mural cuxa placa conmemorativa descubriu onte a súa sobriña, Margarita Tovar Cuevillas, e que foi unha creación de José Antonio Mosquera, cuxo traballo destacou o presidente da fundación.

Luis González Tosar reivindicou a figura de Tovar en particular, e dos escritores ourensáns en xeral, para que a Real Academia Galega os teña en conta a hora de decidir a quen se lle dedican as Letras Galegas, e reclamou desde a Insua dos Poetas que a selección sexa democrática. Ao mesmo tempo, anunciou que a próxima Festa da Palabra será en homenaxe "dos forxadores da Revista Nós, dedicada a ese grupo ourensán que puxo a Galicia no mundo", sinalou.

A continuación, intercalando no acto a música de "2 na Fronteira", que interpretou varios poemas de Antón Tovar e tamén de González Tosar, as autoridades asistentes procederon a entregar a peza de Acisclo Manzano aos galardoados cos Premios Insua dos Poetas.

María Solar recolleu o de Creación Literaria; Arturo Pérez o de Lingua e Cultura Galega na diáspora, en representación do Centro Galicia de Bos Aires; Adolfo Otero da Asociación de Veciños de Madarnás recibía o premio de Acción Social; Marta Neira da Cadena Ser en Carballiño, aos Medios de Comunicación; o de Iniciativa Empresarial foi para Manuel Bernárdez Otero; o de Imaxe e Audiovisual, para a Asociación Fotográfica O Potiños, que recollía Manuel Blanco, e o premio de Artes Plásticas, María Victoria Carballo-Calero.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, defendeu a cultura galega que "xera unión e que nos diferencia e nos da orgullo e autoestima". O concelleiro de Cultura do Carballiño e deputado, Diego Fernández, reiterou o apoio do concello á Insua dos Poetas para que "siga sendo un lugar de encontro da cultura en todas as súas expresións. Manuel Baltar, presidente da Deputación, cualificou á Insua dos Poetas como un "territorio privilexiado" da cultura e das artes, e anunciou que proporá para Medalla de Ouro da Provincia ao escultor Acisclo Manzano. O presidente referiuse ao impulsor da Insua dos Poetas como "un forxador de empresas culturais de éxito".

Os asistentes recibiron o facsímil do primeiro número da revista Nós e a actuación da Real Banda da Deputación daba paso a un recital poético da obra de Tovar.

Te puede interesar