cine

As Xociviga contarán con Oliver Laxe para dar unha máster class

oliver laxe
photo_camera Oliver Laxe -en el centro-, durante la presentación de "Aquilo que arde" en el OUFF, en 2017. (MIGUEL ÁNGEL)

As xornadas celebran o 50 aniversario do Cine Club incidindo no cinema galego e internacional

O director de cine galego nado en París, Oliver Laxe, que obtivo esta fin de semana pasada o premio do xurado no palmarés da sección "Unha certa mirada" do Festival de Cine de Cannes, figura no proxecto das Xociviga 2019 do Carballiño por partida dobre, por un lado, impartirá unha máster class, e por outro está incluído no equipo colaborador do festival, que terá lugar do 28 de xullo ao 2 de agosto.

Os responsables municipais destacan dentro da programación a sección de posta en valor da memoria histórica do audiovisual en Galicia, coa celebración do 50 aniversario do Cine Club Carballiño (1969-2019), que é a segunda entidade máis lonxeva de Galicia e que está plenamente operativa na actualidade. Prevese unha publicación e unha exposición do percorrido histórico. Tamén está programado continuar coa homenaxe iniciada o pasado ano a Carlos Velo, do que se cumpren 110 anos do seu nacemento e, finalmente, en lembranza do 30 aniversario da estrea da longametraxe de Chano Piñeiro "Sempre Xonxa", prográmase unha proxección a ceo aberto coa asistencia da súa viúva, Mariluz Montes, e da súa protagonista, Uxía Blanco. 

Así mesmo, coa denominación de XCOutGalicia, están previstas iniciativas que teñen carácter internacional que achegan, por unha banda á nova xeración de cineastas portugueses; por outra, a Venezuela, cunha homenaxe a José Sousa e a produtora Xenon films, e finalmente, a México, co segundo encontro de formación México-Galicia, no que participan as universidades de Santiago, Vigo e Puebla (México).

Por outra banda, na sección de cinema, sobresale unha nova edición do certame de curtametraxes CurtasOprima, que é un xeito de poñer en valor aos novos cineastas galegos. E tamén destaca a coidada selección de filmes galegos, europeos e infantís que se proxectarán no festival. Dentro da sección XCFormación, hai dúas propostas: unha Master class do director Oliver Laxe, así como un Taller documental impartido pola directora Anxos Fazáns.

Haberá tamén a entrega dos galardóns Xociviga de Honra e Insignia de Ouro a persoas destacadas do audiovisual galego, que se realizará no marco dunha gala de apertura, que terá como gran protagonista este ano ao Cine Club Carballiño.


Recurso para reclamar axuda a Agadic


O Concello do Carballiño ten ultimado o recurso que remitirá esta semana á Agadic contra a resolución deste organismo da Consellería de Cultura que deixa ás Xociviga fóra das subvencións para festivais de cinema, e que tanto desde o concello como desde a comisión organizadora considérase absolutamente inxusto e carente de razóns obxectivas. O proxecto presentado, aseguran os responsables municipais que cumpre todos os requisitos para acceder á subvención, "e incluso conseguiuse a máxima puntuación en canto a viabilidade económica, pero foi denegada por non acadar a puntuación mínima no capítulo relativo a calidade e interese do festival, cando, precisamente, o proxecto presentado é dos de maior calidade e interese en moitos anos". Así, engaden no referido recurso que  "cremos que é un proxecto merecedor dunha puntuación máis acorde coa súa calidade e interese, polo que consideramos que debe ser revisada á alza neste apartado pola Comisión de Valoración, que, ao noso entender, non tivo en conta as aportacións que inclúe o programa no marco do audiovisual galego". O presuposto deste ano é de 30.000 euros, dos que o concello aporta 20.000 e pídense 5.000 á Agadic  e outros tantos á Deputación.

Te puede interesar