o carballiño

Xóvenes carballiñeses reclaman máis transporte

Os estudantes teñen que desprazarse ata Ourense ou Cea para coller un enlace que lles permita chegar a Santiago

A asociación Xuca (Xuventude unida polo Carballiño) rexistrou este xoves no Concello un escrito no que solicita a creación de liñas de transporte por carretera e ferrocarril para facilitar o desprazamento dos estudantes ás cidades de Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago de Compostela. O colectivo xuvenil suliña que "de setembro a xullo (período universitario) saen dous trens do  Carballiño con destino Santiago os domingos, e de luns a sábados só hai un tren ás 14,00 horas". No tocante ós autobuses,  lembran que "non sae ningún da vila, polo que os estudantes débense desprazar ata lugares como Cea ou Ourense".

Ramiro Bello, presidente de Xuca, engade que "a situación empeora se o destino é A Coruña, xa que non existe ningún tren nin ningún autobús que saia do Carballiño con destino a esta cidade universitaria", e o caso é semellante para os estudantes con destinos como Vigo e Lugo. Por todo elo, o colectivo propón ó  Concello carballiñés que "solicite a posta en funcionamento de, ó menos, un autobús con orixe na nosa vila para algunha das cidades anteriormente enunciadas, e trens directos a Vigo, A Coruña ou Lugo."

Asimesmo, dende Xuca tamén solicitan a creación dun servicio de ferrocarril "que saia pola tarde tamén cara as cidades universitarias en días laborábeis, en especial para Santiago, xa que sendo a capital galega existe un meirande número de pasaxeiros con ese destino". Asemade, a asociación insta a manter o carácter público destas liñas de transporte.

Te puede interesar